Sunday 28 de April de 2024

O Mesón do Vento agarda milleiros de visitantes para a XXVII Mostra de Cans de Caza


A cita desenvolverase esta fin de semana e contará con exhibicións de exemplares e probas de rastro de xabaril entre outras

A Asociación Feira de Cans Amigos de Ardemil xa ten todo listo para celebrar esta fin de semana a XXVII Mostra de Cans de Caza do Mesón do Vento.

O sábado terá lugar o campionato de rastro de xabaril modalidade grade, puntuable para a Copa Galicia. A cita inclúe tamén un gran xantar ao que asistirán todos e todas as participantes. A xornada inclúe tamén o Campionato Júnior, no que poderán participar mozos e mozas ata os 14 anos de idade.

O domingo, 29 de xullo, terá lugar a gran mostra de cans de caza. Trátase dunha das citas cinexéticas máis destacadas de todo o panorama do norte de España, na que o ano pasado se chegaron a contabilizar arredor de 3.000 cans, a maioría de razas puras, pertencentes a preto de 200 mandas. Os mellores exemplares de cada categoría recibirán importantes premios e distincións nun acto que dará comezo a partir das 17.30 horas. Nesta xornada tamén se levará a cabo unha exhibición de parada de cans de perdiz, así como outro tipo de exhibicións de rastro de xabaril máis as levadas a cabo polo centro de adestramento de Abegondo G.T. Brétema.

O público asistente tamén poderá probar puntería no simulador de tiro gratuíto que se instalará, ademais de poder contemplar e adquirir todo tipo de produtos e novidades do eido da caza nos moitos postos que se instalarán para a ocasión.

Entre as entidades e firmas comerciais colaboradoras desta edición figuran: Concello de Ordes, Arion, Agro Visantoña e a Federación Galega de Caza.